Sunday 12 de May de 2024

A Consellería de Cultura e Educación convoca unha nova edición do concurso de curtas de animación en galego Nós tamén creamos!


O certame forma parte do programa de dinamización lingüística do mesmo nome que promove a Xunta en colaboración coa Compañía de Radio Televisión de Galicia e con OQOeditora

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) e con OQOeditora, convoca unha nova edición do concurso de curtas de animación en galego “Nós tamén creamos!” cuxas bases poden consultarse nos webs www.lingua.gal e www.edu.xunta.es.

No marco deste premio, ata dous equipos de cada centro integrados por entre dous e catro docentes que impartan educación infantil ou primaria poderán guiar ó seu alumnado na elaboración dunha curta de animación coa técnica stop-motion. A curta deberá partir dun dos contos que, tras a inscrición do centro no concurso, recibirá o colexio; libros cuxos dereitos de autor foron cedidos á Consellería para as reelaboracións audiovisuais obxecto deste proxecto. Non necesitarán inscrición previa os colexios que xa estean participando na edición 2014-2015 do programa de dinamización lingüística “Nós tamén creamos!” no marco do Plan Proxecta. O prazo para a presentación das solicitudes de participación remata o próximo 22 de febreiro e o límite para entregar as curtametraxes na Secretaría Xeral de Política Lingüística, o 30 de abril.

Entre todas as gravacións recibidas, seleccionaranse as mellores de cada unha das categorías establecidas: infantil, primeiro-segundo de primaria e terceiro-cuarto de primaria. Os centros gañadores recibirán un diploma, un lote de libros de OQOeditora e un agasallo da CRTVG. Ademais, o profesorado participante nas creacións galardoadas obterá unha certificación de Premio de Innovación Educativa cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.
Todos os traballos que realice o alumnado poderán verse no web da CRTVG e as premiadas serán emitidas pola televisión sempre que a súa calidade técnica o permita.
Programa de dinamización lingüística
O concurso ”Nós tamén creamos!” forma parte do programa de dinamización lingüística homónimo que foi incluído no Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación e que inclúe formación para o profesorado. Se nas primeiras edicións o concurso se limitou a un máximo de 60 centros e o ano pasado se abriu unicamente aos inscritos en Nós tamén creamos!-Proxecta, este curso ábrese á participación de calquera colexio público que imparta infantil ou primaria co fin de que poidan presentarse tamén os docentes que recibiron formación en anos anteriores e mais outro profesorado interesado. Cada centro poderá participar con un ou dous equipos integrados por alumnado e dous, tres ou catro profesores, un dos cales deberá pertencer ao equipo de dinamización da lingua galega.

Os obxectivos deste proxecto de dinamización lingüística son promover unha imaxe positiva e actual da lingua galega mediante a súa ligazón con actividades relacionadas coa cultura actual (audiovisual, TIC…), favorecer a aprendizaxe e o uso da lingua propia de Galicia en novos ámbitos e formatos e mais dar a coñecer as opcións de ocio en galego que lles ofrece aos cativos a sección infantil do web da TVG.

Innovación educativa
Ademais esta iniciativa fomenta a lectura en lingua galega, a creatividade e a formación estética, así como o coñecemento da linguaxe audiovisual e das ferramentas TIC. Todo isto convérteo nun programa moi completo e promotor da innovación educativa.
Esta acción está en consonancia con outras que centran as liñas prioritarias de acción da Consellería, coma o fomento do hábito lector -que se desenvolve fundamentalmente a través do Plan LÍA 2012/2015 de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe-; a promoción da sociedade da información –que se realiza mediante o proxecto Abalar-; ou o fomento do galego, que nos centros educativos se leva adiante, sobre todo, a través dos equipos de dinamización da lingua galega.